María Canosa no CEIP de Arzúa

Nesta xornada do 16 de marzo, a escritora María Canosa achegouse ao noso centro para ter un encontro co alumnado de 3º e 4º E.Primaria acerca do seu libro "O que nunca che contaron". 

María destacou a importancia da lectura cando dixo: "Cos libros vivimos cousas que non poderiamos vivir doutra maneira", "Conto as historias que levo na cabeza, pero cando as comparto xa deixan de ser miñas e pasan a ser vosas".

Os nenos e nenas puideron facerlle unha morea de preguntas e así enterámonos de moitas curiosidades como que: este libro naceu grazas á colaboración de tres persoas e María só escribiu as tres historias de mulleres que hai no mesmo (as historias de homes escribiunas un amigo seu); a historia que máis lle gusta é a primeira, que xusto non escribiu ela; sempre quedaba de finalista cando se presentaba aos concursos, pero grazas a Manuel Beiras García unha editorial interesouse polo libro que escribiu e así foi como conseguiu que llo publicaran; a súa escritora favorita é a súa nai; o primeiro libro escribiuno con 13 anos e cando llo publicaron tiña 17 anos; agora ten publicados 51 libros como autora e "A fotografía 51" é o título do último libro que está nas librarías; recorda con moito agarimo "Lobo Ramón" porque é unha historia que foi traducida a outros idiomas e fai pouco sacou a 2ª parte deste libro "Lobo Ramón, a vida é unha festa", etc.

Mais, quizais, o momento máis emotivo deste encontro foi cando María Canosa quixo salientar a importancia da nosa lingua, dicindo que ela sempre escribe en galego porque esta lingua é a que mellor a define. Manifestou que dámoslle valor a nosa lingua usándoa e os nenos e nenas de agora "sodes moi afortunados porque podedes ler libros que foron escritos en galego". 

  

  

Para rematar este encontro, María Canosa escribiu unha dedicatora para cada neno e nena e, como os últimos en abandonar a biblioteca foron os de 4º E. Primaria, tocoulles a eles e a elas entregarlle un pequeno agasallo da nosa terra.

  

Moitas grazas María por visitar o noso centro!!


Mar López 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Taller de pócemas decorativas e tutorial

UN ENTROIDO MOI VIAXEIRO!

Enigmas e fotos horripilantes no Samaín /23